Wednesday 08 de May de 2024

O Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal participa en Teruel nas VI Xornadas abertas do Foro Español de Xeoparques


As localidades de Alcorisa, Gargallo e Molinos, en Teruel, acollen ata mañá as VI Xornadas abertas do Foro Español de Xeoparques. Trátase dun encontro para dar a coñecer esta figura da UNESCO, pero tamén para intercambiar boas prácticas e coñecemento sobre estratexias de difusión do patrimonio xeolóxico e de desenvolvemento local.

O proxecto do Cabo Ortegal participa nas distintas ponencias e, ademais, este mediodía volverá presentar os seus valores nunha mesa compartida cos outros tres aspirantes a converterse en candidatos oficiais este ano: Costa Quebrada, Valles de Cantabria e Huellas de La Rioja.

En representación da Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal asisten ás xornadas do Foro estatal a experta en turismo María Mesías e o próximo presidente de quenda da asociación e alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, quen será o encargado de expor as liñas mestras do proxecto.

As VI Xornadas abertas do Foro Español de Xeoparques están organizadas nesta edición -a primeira presencial desde 2019- polo xeoparque aragonés do Maestrazgo. O contido deste martes está centrado na conservación do patrimonio, a sostenibilidade -desde o punto de vista do turismo, as infraestruturas, a educación e a paisaxe-, a participación pública e social nos xeoparques, a posta en valor de produtos da terra e, por último, a presentación dos catro proxectos que aspiran neste 2021 a ser unha das dúas posibles candidaturas que proporá España para a avaliación da UNESCO.

O proxecto do Cabo Ortegal acode á cita co obxectivo de continuar coñecendo experiencias e casos de éxito trasladables á nosa zona, pero tamén coa finalidade de seguir reforzando o traballo en rede cos territorios que xa posúen o selo internacional.